Friday 19 de April de 2024

XI Torneo de Fútbol 8 e 11 esta fin de semana en Neda


Organizado pola SDR Neda coa colaboración do Concello, disputarase no campo municipal Juanito González coa participación de 32 equipos

Fin de semana de fútbol en Neda. O campo municipal Juanito González acollerá durante o sábado e domingo a XI edición do Torneo de Fútbol 8 e 11 que organiza o clube local coa colaboración do Concello. Na competición, todo un clásico xa do calendario deportivo da comarca, tomarán parte un total de 32 equipos. Unha cita coa que a SDR Neda volve a apostar polo deporte de base.

O torneo arrancará este sábado coas categorías prebenxamín, benxamín e alevín.

A partir das 9:45 horas e, dado o número de clubes inscritos, os partidos xogaranse simultáneamente en 2 campos. Sobre as 17:50 h están previstas as semifinais, e sobre as 19 h, as finais. A de benxamíns ás 19:10 h; prebenxamíns ás 19:35, e alevíns ás 20 h. A xornada concluirá ás 20,30 h coa entrega de trofeos.

Ademais, a competición retomarase o domingo cos equipos infantís. Dende as 10:30 h e ata as 15:00 h en horario de mañá e, tras unha breve parada para o xantar de media hora, retomaranse os partidos. As semifinais disputaranse a partir das 18:15 h, e a gran final, ás 19:45, coa entrega de trofeos prevista para as 20:30 h.